BENVIDO 2022!

Segunda sesión de Picnic e, outra vez, risco de chuvia, mala sorte a nosa!

De novo PLAN B, toca tirar das instalacións do local social da Asociación San Xurxo. Desta volta a organización resultou máis doada, tendo en conta  que hoxe non damos de xantar. Xornada de tarde para festexar o ano novo cunha chocolatada.

Día 2 de xaneiro, aínda empachados pola comilona do día 1, sentímonos moitísimo máis tranquilos nesta segunda edición.  O proxecto comeza a tomar forma de por si, deixando atrás o estrés da planificación da estrea e semella que pouco a pouco ímonos dando a coñecer,ademáis de notar que cada vez temos a máis xente interesada.

O equipo mingua desta volta, polo coronavirus dos narices. Malia todo establécense as medidas sanitarias pertinentes  para que o evento sexa seguro; Non temos moita fé na afluencia de público pero, preparamos todo co mesmo amor ca primeira vez, ou inda máis, se cadra.

As 16:00h  comezan a chegar familias para actuación infantil. Facemos rexistro de asistentes e invitamos a ocupar as cadeiras. Axiña esgótanse os ocos e, de novo, comezamos a intercambiar miradas cómplices cheas de ilusión. Semella que ímos ter máis público que na primeira PICN!C sesión!

Da comezo a contacontos,  hoxe temos o pracer de ter a Iseo a Moura, unha artista tamén da terra que interpreta a personaxe de A Apalpadora. Qué importante é difundir e normalizar a presenza dunha figura feminina da tradición galega do Nadal!

Ela namorounos. A lenda, a personaxe, a persoa.

Iseo A Moura, deixou abraiada a cativada coa Apalpadora.

A actuación vai chegando ao seu final e, entre aplausos,  unha importante ringleira de asistentes vai collendo xeito para mercar os tíquets da chocolatada. A xente comeza a multiplicarse.

As bochechas da rapazada esborréanse de chocolate… A dos maiores tamén!

Mollamos a bica mentras esperamos impacientes o concerto de AMEVA DÚO.

Moitas caras novas, ademáis de amizades que non puideron acudir ao primeiro evento, súmanse a un puñado de músicos, ben coñecidos da cidade olivica.

Moi sorprendidos pola gran afluencia, avisamos a Luís, o noso técnico de son, para que dé comezo a actuación.

O dúo de Gondomar, conseguiu crear unha grande expectación, de feito, o espazo quedouse pequeno e moita xente tivo que seguir o concerto dende  fóra do anfiteatro.

Apagamos as luces do patio de butacas, sobre o escenario, o foco de obra ilumina a Diego sentado e a Eva en pé, micro en man.. tal vez semella que estean algo nerviosos, supoño que , coma nós, non esperaban tanta afluencia de público.

Eva e Diego, AMEVA DÚO, encheron a sala de actos da Asociación veciñal.

Eva é desas persoas que irradia luz e, coa súa voz, pode chegar a transportarte a un mundo máxico.

A sala ficou en silencio durante todo o concerto, somentes rachado coas ovacións dos asistentes entre tema e tema. O dúo conseguiu unha atmosfera abraiante.

Rematado  o concerto e tamén o chocolate. Custounos facer entender a xente que o evento chegara ó seu fin. Sen embargo recibimos moitas felicitacións e xurdiu unha grande expectación para saber ónde e  cando sería o vindeiro evento.

Notamos unha amalgama de sentimentos moi gratificantes ó ver que é posible levar a bo termo unha segunda sesión de picnic invernal, malia todos os atrancos que supuñan organizar o evento nun espazo  interior, por mor do risco de chuvia…e inda con todo, conseguimos unha enorme afluencia de xente que marcha con ganas de máis.

Contentos. Estamos moi contentos.

Choverá na terceira picnic sesións?

Queres colaborar?

-Acude as nosas picnicsesións (VISITA O NOSO INSTAGRAM)

-Comparte este artigo nas túas redes

-Escríbenos a organizacion@picnicsesions.gal

Feito con moito agarimo por veciñ@s de Saiáns