20 de Febreiro de 2022. Por diante temos un día de PICNIC, desta volta, repetimos a programación do día 6. Actividades deportivas patrocinadas por 8.ZERO_ENTRENAMIENTO PERSONAL e concerto a media tarde.
A montaxe de loxistica é a mesma que nas edicións anteriores, por iso sentímonos algo máis relaxados, desexando comezar a revivir os sentimentos de fai dúas semanas.
Arrincamos a mañá máis tímidamente que na PICNIC anterior; quizáis a decisión de facer dous eventos ó mes foi precipitada, quizáis sexa mellor idea espaciar un pouco máis no tempo as nósas SESIÓNS, pero se non se proba non se sabe!
De tódolos xeitos, a xente que se achegou, asistiu moi motivada, contenta e con moitas ganas de pasar outra xornada de troula coma sempre.
Xantamos fajitas de polo e tamén as había vexetais, ben ricas, e durante a paparotada, botamos unas risas con todos os asistentes.
Cara as catro da tarde, comezou a encherse a Radio Costeira de Saiáns, así como se achegaba á hora do concerto dos ODIOSOS 5.
A banda de Blues de Pontevedra conseguiu un clima moi propio das nosas PICNICS.
Xente deitada na herba degustando cada tonada da banda, a cativada brincando rebulideira coma de costume,tirándose a rebolos pola pendente abaixo, … un serán do máis agradable, sen deixar de mencionar que a barra de bebidas non tivo descanso, o público tiña sede!
No tocante á banda, só cabe afirmar a grandísima clase e calidade dos músicos que deixaron a todos un sabor moi doce nos beizos (e nos oídos)
Un dos nosos fiéis veciños que acode aos nosos eventos, fíxonos un comentario medio en broma “….PICNIC sesións ou woodstoock do 69?” botamos todos a rir e, a verdade, que xa nos molaba!
Un aire sí que lle temos, penso eu! Ambente bucólico, convivencia veciñal hippy neo rural…. Pés descalzos non nos faltan, nenos e nenas xogando ó aire libre, tampouco. Por suposto, podemos presumir de poñer boa música, moitas das cancións das nosas listas soaron nese festival tan mítico…así que, veña, autorecoñecémonos cómo tal, a ver se entre todos conseguimos un arume semellante de cara o festival de Setembro…ui! Escapóuseme! Agora xa se sabe o mes no que celebraremos o noso gran evento jejejejjje.