“DESTA VOLTA ÍMOS TER BO DÍA!”, con este pensamento comezamos a semana, convencidos de que por fín, poderiamos amosar o noso evento como fora deseñado. Semella que chegou a nosa verdadeira oportunidade!
Montamos o tinglado na Radio Costeira de Saiáns, un pouco apurados xa que a loxistica en exterior é moi diferente.
Abraiante sol primaveral de inverno, poñémonos crema protectora e abrimos os parasois esbozando un sorriso.
8.ZERO ENTRENAMIENTO PERSONAL
Grazas a empresa colaboradora 8.ZERO, temos actividades deportivas dende as 11:00 da mañá. Comezamos con XIMNASIA SENIOR, adicada aos máis veterans da casa.
Belén é a encargada de impartir as actividades deportivas. Traballadora, resolutiva e apaisoada. Dende o primeiro día que comezamos a falar , sentímos a súa ilusión por participar no noso proxecto.
Mari , veciña honorífica das Picnic lideiras; A mesma, que preparou o licor café na súa casa con moito agarimo para axudarnos. Participa na actividade acompañada de varias amigas e amigos. Cada quen colabora ao seu xeito e, entre todas e todos, conseguiremos o noso obxectivo: O FESTIVAL DE SAIÁNS.
Os terreos da antiga radio costeira comezan a encherse de xente. Quedan uns dez minutos para comezar a actividade de ZÚMBALLE e Belén di unhas bonitas palabras motivacionais antes de arrincar a bailar con moita enerxia!.
Acudiron algo máis de tres dúcias de veciños e pasárono moi ben!
Edgar e Javi, dous dos voluntarios que forman parte do equipo PICNIC, trouxeron un DRON para grabar a xornada. Xente nova riquiña que pon bo roio a cada xesto.
Belén triunfou cos seus bailes, e nos videos pódese ver a implicación da xente!
30 nenas e nenos esperan impacientes q comecen os DEPORTIXOGOS, actividade deseñada para a ocasión. Non queda dúbida do ben que o pasaron!
CHEIRA A CHORIPAN!
As 14:30h xa non quedaban chourizos para os bocatas!!, esgotáronse moi rápido de tantísima xente que nos visitou!. Menos mal que Mariana, outra vez, fixo a súa famosa PIZZA VEGANA!
As familias acomodáronse na herba con mantas e toallas, respirábase un ambiente do máis bucólico. Gran parte da audiencia animáronse a quitar os zapatos e a relaxarse desfrutando dunha agradable xornada ao aire libre. ISTO POR FÍN É UN PICNIC!
A cativada xogaba libre sen máis perigo que o propio da idade infantil, de feito, a actividade estrela, consistiu en tirarse a rebolos por unha pendente, facendo a croqueta.
LOS VAGOS
Pola tarde, sumáronse máis veciños, animados polo concerto de LOS VAGOS, grupo de Lalín que celebran o seu 35 aniversario nos escenarios.
Os cinco músicos montan o backline enriba dunhas alfombras, da nada, emerxe unha sorte de escenario campestre florecido na herba , con Moneferro e as Cíes de fondo
Rock de barrica, macerado de calidade, para rematar a xornada nas derradeiras raiolas de sol en Saiáns.
Solpor con sabor a gratitude e satisfación. Veciñanza unida e afoutada. Paisaxe visual e sonora empoderada. O esforzo sempre ten a súa recompensa.
Velaquí chegou o día, todos poideron ter conta de cómo son as nosas PICNIC SESIÓNS: Natureza, cultura e comunidade.