tropa do trapo picnic sesions

AS PICNIC SESIÓNS XA ESTÁN DE VOLTA EN SAIÁNS!

9.00h da mañá e voltamos a Radio Costeira para comezar a montaxe da loxística pertinente da primeira PICNIC SESIÓNS DO 2023

Baixo un sol incríble, e ca previsión dun domingo espléndido para desfrutar en Saiáns, arrincamos a xornada con enerxía, cunha equipa de montaxe que medrou en número de voluntarios con respecto ó ano pasado.

Conforme avanzan as horas, temos todo preparado e preto da hora do inicio da programación, seguen chegando máns para axudar, así da gusto!

Probas de son finiquitadas, cervexa fría e moita ilusión nos ollos da equipa, que agarda con expectación a chegada do público para festexar xuntos o primeiro Picnic dominical do ano.

13:00h TROPA DE TRAPO.

Contra as 12:30 do mediodía, comezan a escoitarse as primeiras risas rebulideiras dos máis cativos; As mantas, manteis e algún que outro zapato, van cubrindo o verde dos terreos da Radio Costeira… e de vagariño, arredor dun cento de persoas congréganse impacientes a espera do espectáculo da compañía de teatro TROPA DE TRAPO de Marta Ortiz e Brais das Hortas.

TROPA DE TRAPO, deleitou a audiencia cunha proposta de narración oral e música en directo. Contos e cantos de mulleres de tódalas idades. Nas súas historias fumos partícipes do poder do amor e da memoria, a importancia do bo trato entre as persoas, a loita contra a violencia machista, a igualdade entre homes e mulleres, a resolución de conflictos mediante o diálogo…por mencionar algúns dos temas que se trataron nesta narración singular da que desfrutaron, ademáis dos asistentes habituais, MOITÍSIMAS caras novas na primeira PICNIC SESIÓN do ano. Coma de costume, as familias coreaban e bailaban ó son das cancións de Brais, o nóso padriño honorífico das Picnic.

Ambiente inmellorable para arrincar o domingo!

14:30 Concerto de ADOLFO FH

Ao remate da actuación de Tropa de Trapo, unha enorme ringleira de persoas esperan pacientemente diante do stand de tiquets, e iso que eramos tres persoas despachando! Duplícase o número de asistentes e a equipa de voluntarios non para!
Nótase ben que está a punto de comezar o concerto do artista local ADOLFO FH que ofrece un show electro-acústico, dinámico e cheo de enerxía ó estilo «home orquesta», con loops e diferente instrumentalización.

concierto adolfo fh picnic sesions
ADOLFO FH  en pleno concierto en Radio Costeira de Saiáns

Adolfo agasallou á audiencia cun repertorio amplo e para tódolos gustos; A súa voz entonou grandes tonadas da historia da música moderna dende os anos 50 ata a actualidade. Clásicos do pop, rock e funk, adaptados ó seu estilo, ademáis dalgúns temas propios, que non deixaron indiferente a ninguén.

A Radio Costeira converteuse nun fervedoiro de asistentes. Arredor dunhas 250-300 almas asistiron ao noso evento. Algo que nos conmoveu e puxo de manifesto que o primeiro PICNICFESTIVAL tivo moi boa repercusión e produto disto, a grande afluencia deste primeiro evento do ano 2023. Sen dúbida algunha foi un xeito maravilloso de dar comezo a este segundo ano de LIDEIRAS culturais.

BOCADILLOS E HAMBURGUESAS DE LALO´S BOCATERÍA E FILLOAS DE CAPITÁN FILLOA

Para acompañar a fantástica banda sonora do día, non podían faltar os nosos fieis postos de comida. Non paramos de vender tiquets para degustar os ricos productos locais de Lalo´s bocatería e Capitán filloa. Un pracer coma sempre compartir espazo con eles, que non pararon de traballar ata media tarde.

16:00 OBRADOIRO MEDIOAMBIENTAL “DO MAR Ó MONTE, DO FENTO Á ALGA”

Alberto García, profesor de bioloxia e experto na elaboración de algarios, impartíu un taller de educación medioambiental no que expuso a relación entre o mar e a terra, exemplificando a súa ponencia cas algas e os fentos.

Obradoiro divulgativo no que a cativada experimentou con elementos naturais da contorna e aprenderon sobre as tarefas de clasificación e secado.

taller medioambental picnic sesions
A cativada traballando na clasificación de algas no taller medioambiental de Alberto García, profesor de bioloxía.

Mica, veciño de Saiáns, é o voluntario encargado de coordinar as actividades de NATUREZA das PICNIC SESIÓNS. Ésta primeira xornada foi todo un éxito; sentimos non ter prazas suficientes para tódal@s asistentes. Traballaremos arreo para poder atender a máis nenas e nenos no próximo evento, e tamén tentaremos repetir a actividade. Alberto, o profesor que imparte o obradoiro, quedou con moitas ganas de voltar! Nótase ben cando as persoas traballan co corazón….

16:30h RED DUCK BLUES

O trío de Blues principalmente en castelán, con raíces porteñas, e un directo moi potente, foi o protagonista na sobremesa do domingo 12 de febreiro, nun Saiáns completamente ateigado de persoas bonitas, con ganas de vir visitarnos, de coñecer a nosa incomparable paisaxe e desfrutarmos xuntos dunha xornada cultural familiar e entrañable.

Os RED DUCK BLUES co seu bo facer musical, puxeron o broche de ouro para pechar a nosa primeira PICNIC SESIÓNS do ano, a iso das 18.00h, coas neveiras valeiras, e todos os nosos produtos esgotados, demos por rematado o evento, non sen antes agradecer encarecidamente AOS NOSOS PATROCINADORES ter formado parte desta gran familia que non para de medrar.

PANADERÍA KAMI, A LEIRA DE LOLA E REI ZENTOLO

Despedímonos co mellor dos nosos sorrisos de tódalas persoas que compartiron connosco un ratiño das súas vidas, non sen antes ofrecerlles as orellas de entroido que tivemos a venda grazas a un dos nosos patrocinadores: KAMI PANADERÍA, situada en Baixada á praia 152. Sen dúbida teñen os mellores croissants da zona!

Durante o evento tamén presentamos o noso merchandising para este ano 2023, grazas a REI ZENTOLO.

merchandaising rei zentolo picnic sesions
Merchandising en colaboración con REI ZENTOLO

Camisetas a 12 eur e sacas a 9 eur para recadar fondos para O FESTIVAL DE SAIÁNS que terá lugar os días 1 e 2 de setembro deste ano. Voaron as tallas! pero se estades interesados en mercar algunha e botarnos unha man, esperámoste o vindeiro 18 de marzo!
Por outra banda facervos saber que podedes encargar un suadoiro por 20 eur para o próximo pedido que faremos en canto teñamos un número suficiente de encargos.

Pechamos o evento co sorteo dunha cesta valorada en 39,90 eur de froita e verduras ecolóxicas que A LEIRA DE LOLA donounos moi amablemente para contribuír a sumar fondos para a nósa causa.

A LEIRA DE LOLA teñen unha pequena horta de agricultura ecolóxica, coa que fan cestas variadas de froita e verdura, e que cultivan para os seus suscriptores sen máis pretensións que ofertar un produto de proximidade e excelente calidade.

A leira de Lola atópase en Priegue, na parroquia veciña do Concello de Nigrán (Pontevedra), en pleno Val Miñor, rodeada dunha contorna privilexiada cun microclima propio, a medio camiño entre o mar e a montaña e dende onde podemos gozar dunhas fermosas vistas ás #illascies

De eiquí en diante, en cada evento habemos de por a venda rifas ao prezo de dous euros para participar no sorteo dos produtos dalgún dos nosos patrocinadores.

GRAZAS A TODAS AS PERSOAS E MARCAS QUE FAN POSIBLE SEGUIR ADIANTE CON ESTE PROXECTO QUE NON BUSCA MÁIS QUE POÑER A SAIÁNS NO MAPA E REACTIVAR A ACTIVIDADE CULTURAL DA PARROQUIA.

Feito con xeito e agarimo por veciñxs de Saiáns.
Vémonos o vindeiro sábado 18 de Marzo!
Bicos a moreas.