Concerto homenaxe a NY CORE

DESPEDIDA ATA O 23 DE XULLO

29.05.22 Amence en Saiáns. Os días anteriores chegamos aos 30 graos de temperatura, e temos medo de que hoxe sexa un día abafante na Radio Costeira.

Polo de agora, temos néboa, algo que se agradece para a montaxe de toda a loxística habitual nos eventos Picnic.

Sempre somos tres os que madrugamos para ter todo listo, pero hoxe, sumáronse algúns voluntarios máis a botar unha man. Así da gusto. Javi, Cesar, Yago, Toni,… MOITÍSIMAS GRAZAS! A montaxe non é tarefa doada.

ACTIVIDADES PARA A CATIVADA: ALADOS MEDIOAMBIENTE e ISEO A MOURA

Todo listo para o comezo doutra xornada, e de vagariño, vánse achegando as familias con moitas ganas de participar nas actividades infantís.

 Hoxe, acompáñanos ALADOS MEDIOAMBIENTE, unha asociación sen ánimo de lucro que se adica a educación medioambiental e a difundir respecto e amor pola natureza.

Obradoiro Alados Medioambiente
OBRADOIRO ALADOS MEDIOAMBIENTE

“Construción de niños de paxaros” é o primeiro dos obradoiros, e arredor das 12:30h, dúas dúcias de nenas e nenos poideron desfrutar con Livia desta actividade.

O obradoiro tivo tanto éxito que  a cativada viuse sorprendida cando comezou a contada de ISEO A MOURA. “SE AS ÁRBORES FALARAN”. Novamente, a Moura, encandilou a meniños e adultos cos seus contiños cheos do cerne morno e lene da imaxinación.

SESIÓN PICNIC: CONCERTO Ó MEDIO DÍA

Ás 14:30h comezan as tonadas de LOS TÓNIKASH, country- folk americano en formato acústico,  cun repertorio moi ben traído para amenizar a hora do xantar.

 Día ideal para descalzarse e desfrutar doutra PICNIC SESIÓN…mantiña sobre a herba e un  ambiente estival perfecto para a degustación dos bocatas de tortilla e chourizo asado que conforman o nóso menú desta xornada.

Rematado o xantar, da comezo o segundo obradoiro infantil  “pegadas de animais en arxila”.

Unha actividade que causou furor e espertou a curiosidade dos pequenos exploradores. Os talleres de ALADOS teñen moito tirón e visitáronnos moitos fieis desta asociación que ama a natureza. ALADOS mola.

HOMENAXE A NEIL YOUNG

Achegámonos a media tarde, e como  ven sendo costume, chega a gran afluencia de público, cos oídos ben atentos para desfrutar do segundo concerto do día.

Músicos participantes da Picnic sesións
MÚSICOS PARTICIPANTES DA PICNIC SESIÓNS

A banda NY CORE é a encargada de por o broche dourado neste fin de festa. Yago, Ruben, Charlie e José leváronnos de viaxe polo repertorio de Neil Young,  creando un marco moi acorde co noso ambiente bucólico que  invade Saiáns unha vez ó mes.

As dúas bandas que hoxe tocaron o fixeron sen ánimo de lucro, axudando a seguir crecendo este bonito proxecto, sumándose así a morea de amigos da nosa PICNIC COMUNIDADE.

MOITAS VISITAS DE AMIGOS

Algo que define ás PICNIC SESIÓNS é que pouco a pouco convertémonos nunha familia.

 Non faltan as visitas dos amigos, veciños e familiares dos voluntarios que sacan adiante o evento cun sorriso nos beizos, sesión tras sesión.

 Caras coñecidas que acuden a cada evento e tamén, moitos novos sorrisos que mes a mes, únense as nosas Picnic.

Fai un ano non imaxinabamos ver Saiáns con este ambiente cultural nin de broma. De feito, a idea de facer un festival e reactivar a actividade da veciñanza, non xurdiu ata o 5 de xuño do 2021, data na que comezamos a enredar e deseñar o noso proxecto sociocultural. LIDEIRAS ASOCIACIÓN CULTURAL.  Xa vai case un ano, e aquí estamos, facendo realidade aquilo que noutrora semellaba unha tarefa case que imposible.

DESPEDIDA ATA O 23 DE XULLO

Esta é a derradeira PICNIC SESIÓN desta tempada en formato “diurno”. No verán, os horarios, a climatoloxía e  as rutinas trocan, así que nós tamén. Adaptaremos as Picnic estivais con novos horarios, novos menús  e  moitas sorpresas!!!…

No mes de  xuño  non haberá evento Picnic,  pero voltaremos o 23 de xullo con folgos renovados. Namentres,  temos por diante moito traballo de preparación e organización do noso festival de Saiáns que xa ten data: O 9 e 10 DE SETEMBRO!

Feito con xeito por veciñ@s de Saiáns.

QUERES COLABORAR?