Picnic Festival

PICNIC SESIÓNS, O FESTIVAL DE SAIÁNS 9-10 setembro  2022

CHEGOU O DÍA, CHEGOU A ROMARÍA

Venres 9 de setembro, madrugón para a montaxe na Radio Costeira do que vai ser a primeira edición do FESTIVAL DE SAIÁNS.

OS DERRADEIROS DÍAS FORON DUROS, por non dicir semanas ou meses… xa que isto foi unha carreira de fondo para que esta fin de semana o pobo enteiro estea de celebración.

Nada disto  sería posible sen a equipa de voluntari@s, sen os patrocinadores e todas e cada unha das persoas que nos acompañáchedes ao longo do ano nas pequenas PICNIC SESIÓNS para recadar fondos.

PREVISIÓN METEREOLÓXICA MALA

Levaban dúas semanas dando un pronóstico de  choiva e tempo bretemoso  para a fin de semana do noso festival.. de feito, a golpe de mércores, a cousa pintaba mal, moi mal…

Chamamos a case todas as empresas de carpas das Rías Baixas para poder asegurar un mínimo de afluencia no caso de que caíran chuzos de punta..e non conseguimos nada de nada a tempo….a isto houbo que engadir os atrancos co suministro eléctrico e a busca dunha alternativa viable para sacar o evento adiante.

Por sorte ou por cuestión do karma, que non deixou que  tanto traballo se fóse ao tacho, amenceu cun sol radiante e cunhas temperaturas que  foron subindo co paso das horas…tanto que contra a tardiña abafabamos  coa calor, e pasamos de laiarnos por non ter cuberta no caso de choiva a comentar entre os asistentes que tal vez uns cantos parasois non viñan mal, seica!

Entre moitos dos atrancos de última hora que foron xurdindo días antes..algo que nos deixou un moi mal sabor de boca foi  que un posto moi grande , encargado de darlle xeito a oferta gastronómica, deixounos tirados a catro días do evento…unha auténtica mágoa, unha grande decepción para nós , posto que esta informalidade  deu por resultado que tiverades que esperar tempo de máis e facer moita cola para coller comida. As nosas  mais sinceras desculpas polas molestias ocasionadas a toda a comunidade picnic.

Asumidos os erros e atrancos  de última hora, collemos alento e puxémonos a tirar para  diante esta primeira edición do festival de Saiáns coa forza da ilusión e a semente do sorriso.

Apertura do festival: COMEZAN OS CONCERTOS!

Contra o serán do venres comeza o ruxe ruxe no ambiente da Radio Costeira para ver o concerto dos FAMILY FOLKS  co seu folk-rock tabernario e pillabán  . Grande expectación, moita complicidade e, entre os veciños de Saiáns, unha morea de caras novas que sumáronse a troula para desfrutar dunha xornada de música en directo gratuita.

Alá polo lusco fusco, a temperatura do ambiente subiu co fervor funkático dos MOON CRESTA. O seu directo enerxizante e revitalizador, converteu a radio costeira nunha pista de baile, onde  os asistentes gozaron das derradeiras notas dun solpor moi festeiro.

Concertos de moita calidade que puxeron  moi alto o listón  de cara a xornada  do sábado, día principal do festival..algo máis de 400 persoas que  compartiron con nós o primeiro día de celebración, poideron dar fe disto.

Arredor da medianoite retirámonos  para a casa emocionados e vibrando pola calidade musical dos grupos e o bo facer da equipa de organización, mención especial para Parolas, con Fran Leboso á cabeza..sen eles, todo isto sería un milleiro de veces máis complexo.

XORNADA DO SÁBADO 10 SETEMBRO

Arrincamos a xornada co CERTAME DE PINTURA RÁPIDA Ó AIRE LIBRE “MINGOS TEIXEIRA” e espállanse pola Radio Costeira os artistas para crear a súa obra seguIndo o lema do certame:

“ A PAISAXE DE SAIÁNS”.

Brais das Hortas, racha o xeo das actuacións do día, co seu CONSERTASSO NA HORTA  e pon  a toda a audiencia a facer sacho-zumba…un auténtico crack o nóso Braisiño, padriño honorífico das Picnic , que conquistou unha vez máis os corazóns de grandes e meniños.

 De seguido, temos o pracer de disfrutar do VERMÚ NORDESÍA cun polbo a feira riquísimo, e para amenizar os nosos oídos, O GRUPO CALDO, deixa o arume fermoso do cerne morno de corazón folk galego en Saiáns.

ESPAZO CATIVADA PATROCINADO POLA COMUNIDADE DE MONTES DE SAIÁNS

A carón do parque infantil. A asociación ALADOS MEDIOAMBIENTE, de educación medioambiental, preparou diferentes instalacións promovendo o xogo libre, a expresión artística,  a animación á lectura e a construcción con elementos da natureza—por nomear  algunas das  moitas cousiñas que propuxeron á cativada do festi. As Familas pasárono de medo!..e nós, máis!!

O noso agradecemento a COMUNIDADE DE MONTES DE SAIÁNS, por subvencionar a actividade para a cativada. Entre todos fixemos unha festa ben ghuapa!

Namentres as familas estaban neste espazo, escoitábase a picada en vinilo de FRANK DREBINS DJs, coa súa selección da mellor música dos 50s, 60s e 70s. Rock, soul & funk nunha das  mellores paisaxes do concello de Vigo.

ENTREGA DE PREMIOS DO CERTAME DE PINTURA RÁPIDA

Entrada a media tarde,  Mingos Teixeira prepárase para facer entrega dos premios do certame homónimo, como agasallo a súa traxectoria artística e educativa. (GRAZAS POLA TÚA PRESENZA E COMPAÑA, UNH AUTÉNTICA HONRA TERTE ENTRE NÓS, MILLEIROS DE GRAZAS MINGOS!!)

O resultado do certame deu como PRIMEIRO PREMIO a NEREA VILLAR, o SEGUNDO PREMIO foi para EVA PROL e como OBRA FINALISTA: NOELIA RODRIGUEZ

certame de pintura. Picnic Festival
«As gañadoras do l Certame de pintura rápida acompañadas por Mingos e Susana Teixeira, xunto a dous membros da xunta directiva da Asociación Cultural Lideiras (entidade organizadora do evento)». Fotografía de Juan Teixeira.

Gran traballo de tódolos artistas que participaron no 1º CERTAME DE PINTURA RÁPIDA Ó AIRE LIBRE “MINGOS TEIXEIRA”

Grazas a FRUTAS NIEVES por ternos agasallado con 300 pezas de froita para darlle forzas no seu traballo aos artistas e membros da organización.

BIFANNAH, HIGH PAW e THE SOUL JACKET

Comeza á fiestaza, as horas máis felices do festi, no que tivemos a sorte de transformar a pista multiusos da Radio Costeira de Saiáns nunha auténtica e xenuína PISTA DE BAILE!!

As xentes do lugar marmuraban que nunca tanta xente viran en Saiáns,..co cal , vése que  o obxectivo de poñer a Saiáns no mapa, está máis que cumprido.

Coñecemos a moita xente que endexamáis se achegaran  a nosa parroquia, e quedaron prendados e abraiados tanto pola paisaxe como polos terreos da radio costeira.

O esforzo da equipa de voluntarios foi impresionante. Conseguiron que na barra de bebidas non se formara nin unha soa ringleira de espera, iso sí, Cesar, Edgar, Toni e Javi non pararon en todo o día, traballo de equipo intenso no que amosaron unha actitude difícil de repetir. GRAZAS MOZOS!

Picnic Festival
Imaxe do concerto de The Soul Jacket. Fotografía de Juan Teixeira.

No stand de tiquets sí que tivemos acumulación de choio.  Marisa, Carlota, Iria e Marta, déronno todo, inda así, tanta xente víu, que foi difícil que non se producise unha longa, longuísima fila….traballaremos para que non pase na segunda edición (ogalla sexa posible…)

CAPITAN FILLOA e BOCATERÍA LALOS traballaron arreo todo o día, malia todo foron inevitables as longas ringleiras de xente.

Neste caso temos que apuntar, que isto debeuse a que a oferta gastronómica corría a cargo de tres postos, non de dous…pero  houbo quen nos deixou tirados, a catro días do evento… e de ahí  a deficiencia tanto na oferta alimenticia, na premura do servizo e a saturación dos outros dous postos que sacaron o barco de entre as rochas, con grande estoicismo.

De igual modo, pedímosvos desculpas pola vosa espera nas colas  e moitísimas grazas pola vosa paciencia, sorriso e comprensión.

Concertazos de Bifannah e High Paw , baixo un sol abrasador, camiñando cara un solpor que non esqueceremos nunca… BIFANNAH  e a súa psicodelia retrotropical e o reggea female power de HIGH PAW con Laura Mercy. Público moi animado de todas as idades ateigaban a pista , os taludes e as pradeiras en bancais da radio costeira. Músicos e xente quente que medraba en número según ían pasando as horas do festival.

"Parte da equipa que sacou adiante a primeira edición de PICNIC SESIÓNS, O FESTIVAL DE SAIÁNS 2022"
Parte da equipa que sacou adiante a primeira edición de PICNIC SESIÓNS, O FESTIVAL DE SAIÁNS 2022. Fotografía de Juan Teixeira.

E chegaron THE SOUL JACKET co seu show cargado de rithm and blues, rock and roll e psicodelia, reventando tódalas mellores expectativas de afluencia por parte da organización…Xente a moreas, audiencia inmellorable, e a mellor das vibracións nun paraninfo interxeneracional coa mellor das bandas sonoras para pechar esta primeira edición das PICNIC SESIÓNS.

Xa máis relaxados, un par de membros da organización, abrazámonos  moi emocionados….” O final fumos quen de facelo posible…”O FESTIVAL DE SAIÁNS” ( un saúdo  a todas aquelas  persoas que nos  dicían que non ía funcionar, que algo así era imposible)

A comunidade que de verdade se o propón, consigue o que quere!. Solucións denantes que excusas. Perseverancia, moitas ganas e moitas horas…

Longa vida ás PICNIC SESIÓNS de Saiáns e grazas a cada unha das persoas que dalgún xeito fixeron posible este proxecto e participaron nel…e por suposto moitísimas grazas a TI , que estás lendo estas lideiras, que asistes aos eventos, que nos deixas uns euros, dun modo ou doutro, a ti que nos segues en redes, que participas nas actividades, que compartes e difundes..gracias por ser da nosa gran familia PICNIC

«Velaquí presentamos o video resumo desta primeira edición do festival. A nosa declaración de intencións» 


Vémonos en febreiro con máis actividade cultural para Saiáns, isto só é o comezo!!!